O Sector Servizos (limpeza, hostalería, comercio, servizos públicos privatizados, ...) é un dos máis afectados pola precariedade, tanto nas condicións laborais como pola contratación, onde se transgriden con máis facilidade as normativas que nos amparan fronte aos abusos patronais (xornadas laborais interminábeis, salarios máis baixos que o que marca o convenio, continuos despedimentos improcedentes, descontinuidade, temporalidade, acoso laboral, falta de prevención, ...).
Na nosa comarca o paro aumenta de forma desproporcionada, moi por encima da media galega e estatal. É necesario a intervención dos poderes públicos para paliar semellante declive que estamos a vivir no día a día. A protección ás persoas desempregadas e a creación de emprego público tórnanse máis que necesarias. Na Federación Comarcal de Servizos, con máis de 1600 afiliad@s, coñecemos os pormenores desta situación, empresa por empresa. Pois a nosa acción sindical ten que atender diariamente moitos conflitos pequenos e algúns grandes (Neira&Ortegal) derivados da actitude dos empresarios que, na defensa dos seus intereses e privilexios, condenan a clase traballadora á pobreza. De continuar así, a precariedade social vaise facer aínda máis visíbel.
E diante desta situación, como nos respostan os gobernos (o Central e o da Xunta)? Pois con máis políticas neoliberais. O Goberno Español, con medidas antisociais, unha contrarreforma laboral con grandes perdas de dereitos e favorecedora da patronal, empresarios e capital; con importantes recortes nas prestacións sociais; anunciando importantes recortes no dereito a acceder a unha pensión digna, ... E a Xunta de Galicia, con grandes perdas no salario social reducindo o gasto en prestacións dos servizos públicos, sanidade, educación, vivenda, ...
Diante desta situación, o vindeiro 29 de setembro, está convocada unha Folga Xeral e unha Xornada de Loita Europea, tanto pola nosa Central Sindical como por outras. A Folga Xeral ten que valer para cambiar a correlación de forzas, temos que parar esta orxía neoliberal e frear as políticas contra a clase traballadora que o movemento obreiro saia fortalecido fronte ao Capital. Necesitamos un novo modelo social, baseado na colaboración e na solidariedade, onde a clase traballadora teña máis peso que o Capital, pois somos a maioría da poboación. Necesitamos unha economía democratizada, onde o prioritario sexan as persoas e as súas necesidades, non a cobiza duns poucos que enchen os seus petos co noso esforzo e traballo. Necesitamos un modelo social, onde a política non sexa controlada polos especuladores e xestores dos mercados e da grande banca, e si polos pobos. ... Polo que a Executiva Comarcal de CIG-Servizos vai redobrar o seu esforzo para camiñar até conseguir estes obxectivos.
Dentro da actividade a desenvolver, para preparar a Folga Xeral, a Executiva Comarcal da Federación decidimos organizar unha charla-debate, á cal convidamos ao noso Secretario Nacional, o compañeiro Paulo Rubido Bará. O obxectivo deste acto é, en primeiro lugar, analizar até que punto é negativa esta reforma laboral para os nosos intereses como clase traballadora e o que significa de perda de dereitos (facilita e abarata aínda máis o despedimento, ataca as persoas desempregadas, privatiza os servizos de emprego, precariza aínda máis o traballo, ataca a negociación colectiva, ...) e en segundo é ultimo lugar, ver por que temos que ir ao paro o 29 de setembro.
Aínda que este é un acto sindical, vai dedicado principalmente ás traballadoras e traballadores do sector servizos, é público para quen quixer acudir ao mesmo.
CIG-Servizos Ferrol