Artigos Recentes

sábado, 21 de agosto de 2010

No Pleno Municipal do 26 de Agosto, debatira-se unha moción de Esquerda Unida en apoio da Folga Xeral do 29S

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL


retirada integra da contrarreforma laboral


Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A situación de crise económica e social derivada da aplicación das políticas económicas neoliberais da globalización capitalista está a producir unha catástrofe social no país e no Estado sen precedentes na nosa historia nos últimos trinta anos. Os datos do desemprego, onde hai que anotar preto de cinco millóns de traballadoras e traballadores no paro no conxunto do Estado, sumados os datos de paro rexistrado no noso país en xullo que contan 209.789 persoas e atopándose un terzo das mesmas sen recibir xa prestación por desemprego, sumados a realidade de precariedade, economía mergullada, carestía da vida e desafiuzamentos configuran unha realidade negra que está a cargar nas costas das clases traballadoras os custos da crise provocada polas políticas favorables ao capital, nomeadamente o financeiro e especulativo.

Neste contexto se teñen producido nos últimos meses unha avalancha de medidas adoptadas polo Goberno central de ataque sen concesións ás conquistas históricas da clase traballadora e dos sectores populares: o paquete de medidas de axuste por importe de 15.000 millóns de euros e que terá continuación no vindeiro orzamento e a contrarreforma laboral tramitada como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo son chanzos sobranceiros da estratexia gubernamental.

A devandita contrarreforma laboral non vai servir nen para crear emprego nen para reducir a escandalosa precariedade que padecen as traballadoras e traballadores galegos e do conxunto do Estado. Está deseñada para facilitar e abaratar os despedimentos, que xa son na práctica libres, porque amplía as causas para elo e reduce os dereitos de indemnización das traballadores e traballadores. Vai supor un reforzo para o poder empresarial á hora de modificar as condicións de traballo en todo o que atinxe a horarios, mobilidade xeográfica e funcional, etc. Xunto con iso debilita a tutela xudicial efectiva como garantía para a clase traballadora e a negociación colectiva, así como privatiza a xestión do desemprego coa aceptación da intermediación laboral privada.

Unha cuestión fundamental é o ataque que supón esta contrarreforma en canto debilita a negociación colectiva, ao facilitar as empresas a adopción de medidas de descolgue. Cómpre non esquecer que a negociación colectiva constitúe un ferramenta fundamental na defensa dos intereses da clase traballadora.

Incluso privatiza a xestión do desemprego, no canto de potenciar o servizo público de emprego, e amplía o campo de actuación das ETT,s aos sectores de risco e mailo emprego público.

As medidas son inxustas e erradas, porque o mercado de traballo adoece dunha excesiva e negativa flexibilidade externa como amosan as taxas de temporalidade e as facilidades para despedir (o exemplo son os máis de 13 millóns de contratos temporais asinados en 2009, en plena crise económica, nun contexto marcado pola destrución de emprego). As medidas a adoptar son outras moi distintas tanto no eido estrutural – para sentar as bases dun modelo produtivo e social sustentable - canto na conxuntura, no que atinxe a recuperar o creto para a economía produtiva, e impedir que o axuste fiscal programado polo Goberno deprima aínda máis a economía, prexudique a creación de emprego e alimente como resultante o déficit público.

Mais a espiral antisocial dun goberno obsecuente coas recomendacións do FMI, Banco Mundial e Comisión Europea, anuncia que á volta do verán vaise atacar o sistema público de pensións para alongar a idade de xubilación, que no noso país está por riba da media da UE e para mudar as bases de cálculo da vida laboral coa intención de reducir o monto final da pensión a percibir polo traballador. Medidas coherentes coa estratexia de debilitar o sistema de reparto e facer avanzar o de capitalización privado, verdadeiro programa final neste eido do capital financeiro.

Doutra banda, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexeita a falsa política da austeridade fiscal, que supón que teñamos unha das tributacións máis reducida e cunha menor progresividade, isto é, o paraíso para o capital e a burguesía nas súas fraccións máis acaudaladas. Valga o exemplo de que só a recuperación da progresividade fiscal perdida nos últimos 20 anos suporía un incremento de 66.000 millóns de euros anuais, que permitirían financiar a creación de emprego nos sectores como o da atención á dependencia, ensino ou sanidade, que forman parte dos dereitos económicos e sociais recollidos na Constitución, superando a fenda no gasto social que segue a separarnos dos estándares de benestar da UE.

En resumo, son moitos os ataques que están a sufrir as clases traballadoras, autónomos e pequeno empresariado para que o Goberno do Estado satisfaga as esixencias do gran capital. Son este conxunto de ataques aos nosos dereitos como traballadores e traballadoras os que levan ás centrais sindicais de clase CC.OO. e U.X.T. a convocar para o día 29 de setembro unha xornada de folga xeral para enfrontar as medidas aprobadas polo Goberno central que recortan dereitos sociais e que suprimen dereitos das traballadoras e traballadores.

O noso concello ten o deber cívico de tomar posición nunha cuestión política e social da meirande magnitude para a nosa sociedade. Xa que logo, o Grupo Municipal de EU formula, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol, a seguinte proposta de ACORDOS:

Primeira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda demandar do Goberno central a retirada integra da contrarreforma laboral tramitada no Congreso dos Deputados como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo e insta a este a retomar o diálogo social a partires das preocupacións e demandas das centrais sindicais de clase.

Segunda.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar ao Goberno central a que non aprobe ningunha reforma no eido das pensións que supoña unha redución respecto dos dereitos recoñecidos hoxendía ás traballadoras e traballadores, en particular o que fai o alongamento da idade de retiro ou á ampliación da base de cálculo da vida laboral.

Terceira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado e á Comisión Executiva da Confederación Sindical de CC.OO. e á Comisión Executiva Confederal da UXT.

Ferrol, 18 de agosto de 2010.

Asdo. Yolanda Díaz Pérez

Voceira do Grupo Municipal de EU

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
18 de agosto de 2010 13:14

Prezad@s amig@s: achegamos unha moción presentada polo Grupo Municipal de EU en apoio da folga xeral convocada para o día 29 de setembro e que se debatirá no Pleno do concello do día 26 de agosto. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________