Artigos Recentes

sábado, 31 de julho de 2010

A CNT realizou un interesante acto de preparación da Folga Xeral en Ferrol

Un interesante acto organizado pola Federación Local da CNT de Ferrol, tivo lugar no Inferniño o passado 29 de Xullo, no Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero, como inicio da súa campaña de mobilizacións cara á Folga Xeral do 29S contra a reforma laboral e os recortes sociais.

Rita Giráldez, da Asesoría Xurídica da CNT de Compostela, foi a encarregada de explicar con todo detalle a Reforma Laboral que nese momento se estaba debatindo en  Comisión no Parlamento Español. Polo que "probabelmente sufrira algún tipo de transformación", dixo a compañeira. Eliseo Fernández, militante da CNT de Ferrol e destacado historiador, foi o encarregado da presentación do Acto.

A grandes liñas poden-se destacar, do argumentario da CNT, os seguintes aspectos:

- Abarátase e subvenciona o despedimento, bonifícanse toda unha clase de contratos e manten-se a posibilidade de despedimento colectivo simplemente con indicios de mala xestión (de forma que as empresas non teñan que argumentar suficientemente a mala situación), ou cambio estrutural. É significativo que se a actuación empresarial é incorrecta, o despedimento colectivo non será xa nulo senón improcedente. Xa que logo, non só se abre vía ao mal facer das empresas senón que ademais prémiase.

- Practicamente desaparece a negociación colectiva pois se amplía a posibilidade de descolgue do convenio só con indicios. Doutra banda, dá máis marxe de actuación aínda aos sindicatos oficiais, pois aquelas empresas en conflito onde non exista "representación unitaria" devandito conflito será xestionado directamente por CCOO e UGT.

- As ETT's convértense en entidades colaboradoras do INEM sen especificar cal será ese alcance de colaboración e se prohiben tácitamente os vetos ás mesmas nos convenios colectivos. Ademais entrarán en sectores antes prohibidos como o da construción. Terán ánimo de lucro.

- Por outra banda, apuntan-se cuestións importantes como a reforma da LISOS (Lei de infraccións e sancións na orde social), réxime da Seguridade Social... etc.

Ante tamaño ataque aos nosos dereitos, a CNT, fiel ao seu compromiso coa clase traballadora, non pode perder-se noutros aspectos que non sexan o da confrontación directa contra os poderes económicos deste Estado, que demostraron a súa ineficiencia e miserabilidade para coa maioría da poboación -unha minoría, polo contario, está obtendo pingües beneficios coa escusa da crise.

É por iso que fronte á agresión que se nos vén encima a CNT debe de orquestrar unha resposta continuada no tempo, independentemente até da participación nas posíbeis folgas convocadas, liderando a continuidade da loita e potenciando unha estructuración interna áxil e eficaz.


Este mesmo acto vai-se realizar tamén en Narón , Fene e Pontedeume.


Enlace de referencia:

A CNT de Ferrol inicia a súa campaña de mobilizacións cara á Folga Xeral do 29S contra a reforma laboral e os recortes sociais: Chalar no Inferniño este 29 de Xullo
____________________

Web da CNT de Galiza:

http://www.cntgaliza.org/

__________________________