Artigos Recentes

sábado, 31 de julho de 2010

A CNT realizou un interesante acto de preparación da Folga Xeral en Ferrol

Un interesante acto organizado pola Federación Local da CNT de Ferrol, tivo lugar no Inferniño o passado 29 de Xullo, no Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero, como inicio da súa campaña de mobilizacións cara á Folga Xeral do 29S contra a reforma laboral e os recortes sociais.

Rita Giráldez, da Asesoría Xurídica da CNT de Compostela, foi a encarregada de explicar con todo detalle a Reforma Laboral que nese momento se estaba debatindo en  Comisión no Parlamento Español. Polo que "probabelmente sufrira algún tipo de transformación", dixo a compañeira. Eliseo Fernández, militante da CNT de Ferrol e destacado historiador, foi o encarregado da presentación do Acto.

A grandes liñas poden-se destacar, do argumentario da CNT, os seguintes aspectos:

- Abarátase e subvenciona o despedimento, bonifícanse toda unha clase de contratos e manten-se a posibilidade de despedimento colectivo simplemente con indicios de mala xestión (de forma que as empresas non teñan que argumentar suficientemente a mala situación), ou cambio estrutural. É significativo que se a actuación empresarial é incorrecta, o despedimento colectivo non será xa nulo senón improcedente. Xa que logo, non só se abre vía ao mal facer das empresas senón que ademais prémiase.

- Practicamente desaparece a negociación colectiva pois se amplía a posibilidade de descolgue do convenio só con indicios. Doutra banda, dá máis marxe de actuación aínda aos sindicatos oficiais, pois aquelas empresas en conflito onde non exista "representación unitaria" devandito conflito será xestionado directamente por CCOO e UGT.

- As ETT's convértense en entidades colaboradoras do INEM sen especificar cal será ese alcance de colaboración e se prohiben tácitamente os vetos ás mesmas nos convenios colectivos. Ademais entrarán en sectores antes prohibidos como o da construción. Terán ánimo de lucro.

- Por outra banda, apuntan-se cuestións importantes como a reforma da LISOS (Lei de infraccións e sancións na orde social), réxime da Seguridade Social... etc.

Ante tamaño ataque aos nosos dereitos, a CNT, fiel ao seu compromiso coa clase traballadora, non pode perder-se noutros aspectos que non sexan o da confrontación directa contra os poderes económicos deste Estado, que demostraron a súa ineficiencia e miserabilidade para coa maioría da poboación -unha minoría, polo contario, está obtendo pingües beneficios coa escusa da crise.

É por iso que fronte á agresión que se nos vén encima a CNT debe de orquestrar unha resposta continuada no tempo, independentemente até da participación nas posíbeis folgas convocadas, liderando a continuidade da loita e potenciando unha estructuración interna áxil e eficaz.


Este mesmo acto vai-se realizar tamén en Narón , Fene e Pontedeume.


Enlace de referencia:

A CNT de Ferrol inicia a súa campaña de mobilizacións cara á Folga Xeral do 29S contra a reforma laboral e os recortes sociais: Chalar no Inferniño este 29 de Xullo
____________________

Web da CNT de Galiza:

http://www.cntgaliza.org/

__________________________

Adiada, para o 6 de Setembro, a Asemblea Informativa para o movimento veciñal e social da Comarca

As centrais sindicais CCOO e UGT, tiñan convocado un acto para preparar a Folga Xeral do vindeiro 29 de Setembro de 2010. O acto tiña carácter informativo e estaba dirixido ao movimento asociativo da Comarca. Nun primeiro momento este acto estaba convocado para o pasado 29 de Xullo. Mais por motivos de imposibilidade de asistencia de un grande número de asociacións á Asemblea, esta foi adiada, para o Luns 6 de Setembro, ás 11:30 horas no salón de actos do mesmo local da Unión Comarcal de Ferrol, na rúa María, 42-44 baixo.

Enlace de referencia:

CCOO e UGT convocan o 29 de Xullo, un acto informativo dirixido ao movimento asociativo, para preparar a Folga Xeral
_________________________

quinta-feira, 29 de julho de 2010

A CNT de Ferrol inicia a súa campaña de mobilizacións cara á Folga Xeral do 29S contra a reforma laboral e os recortes sociais: Chalar no Inferniño este 29 de Xullo

Charla sobre a reforma laboral en Ferrol
Ferrol. 27 Xullo, 2010 - 19:46
Comezo: 29/07/2010 20:30

A Federación Local da CNT de Ferrol inicia a súa campaña de mobilizacións cara á folga xeral do 29 de setembro contra a reforma laboral e os recortes sociais.

O sindicato CNT vai comezar a campaña cunha serie de charlas en diversas localidades da comarca (Ferrol, Narón, Fene, Pontedeume), sobre as consecuencias que a reforma laboral está tendo nas condicións de traballo da clase obreira. As conferencias estarán a cargo de Rita Giráldez, da Asesoría Xurídica da CNT de Compostela.

O primeiro acto da devandita campaña será a conferencia de Rita Giráldez "Cómo nos afecta a reforma laboral?", o vindeiro xoves, 29 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero, de Ferrol.

Dende a Federación Local da CNT chamamos á poboación da cidade a asistir a estes actos para coñecer de primeira man as consecuencias que a reforma laboral terá nas nosas condicións de traballo. Entendemos que só coñecendo as implicacións da reforma laboral seremos quen de opoñernos con forza a esta e outras medidas, tan negativas para a clase traballadora.

Ferrol, 27 de xullo de 2010
Federación Local da CNT de Ferrol

Fonte: http://www.cntgaliza.org/
_______________

quarta-feira, 28 de julho de 2010

CCOO e UGT convocan o 29 de Xullo, un acto informativo dirixido ao movimento asociativo, para preparar a Folga Xeral

Para preparar a Folga Xeral do vindeiro 29 de Setembro de 2010, as centrais sindicais, CCOO e UGT convocan un acto informativo dirixido ao movimento asociativo comarcal.

O acto convocado por CCOO e UGT previa a Folga Xeral será unha asemblea en Ferrol para representantes de entidades veciñais e sociais da comarca, que terá lugar o 29 de Xullo, ás 11:30 horas no salón de actos da Unión Comarcal de Ferrol, na rúa María, 42-44 baixo.

Na citada Asemblea, intervirán os secretarios comarcais de CCOO e UGT, Xulio Abelleira e César Fraga, ademáis dos economistas Manolo Lago e Manuel Barbeito.

Carta que enviaron, ás entidades veciñais e sociais da comarca, os secretarios comarcais de CCOO e UGT.

Estimados veciños e veciñas:

Aínda que non é moi habitual, diriximonos a vós mediante esta carta nunhas circunstancias que tampouco son as mellores, como é ben sabido por todos.

Neste contexto de crise e desemprego, coa nosa comarca por riba dos 16.000 parados -unha cifra tristemente histórica que ogallá non se repita-, o goberno central ven dar un xiro na política económica e social do Estado. O primeiro aviso chegou co anuncio do retraso da xubilación, dos 65 os 67 anos, que retiraron da mesa pola aireada contestación social que xerou.

Semanas despois, chegou o recorte social que rebaixa os salarios, conxela as pensións e frena a inversión pública, ademais de aprovar -recentemente- unha reforma laboral que permite o despedimento máis barato e sinxelo, e incrementa a precariedade. En definitiva, normas que recortan os nosos dereitos, os da clase traballadora, para beneficiar as rácanas aspiracións de certos sectores económicos e empresariais.

É así, na antesala da folga xeral convocada o vindeiro 29 de setembro, UGT e CCOO coidan que é totalmente imprescindible reunir as forzas vivas e os cidadáns desta comarca para falar da necesidade de dar unha resposta contundente ante este agravio sobre dereitos laborais que tantos anos e tan duramente tardamos en conquerir.

Con este fin, vos emprazamos a participar nunha asamblea o día 29 de xullo, ás 11:30 horas no salón de actos da Unión Comarcal de Ferrol.

Agardando a vosa presencia e compromiso,

Unha forte aperta,

Ferrol, 9 de xullo de 2010

Cesar Fraga
Secretario Comarcal da UGT

Xulio Abelleira
Secretario Comarcal de COO
______________

segunda-feira, 12 de julho de 2010

Se fose un traballador ...

Por Rafael Pillado [*]
08.07.2010

Se eu fose un traballador, miraríame no espello da historia do traballo. Porque, ó voltar a vista atrás vería que as conquistas son froito do esforzo de moitas xeracións.

Precisamente, días atrás, Manolo Rivas felicitaba a David Cameron, Premier británico, por pedir perdón polos asesinatos do exército británico en Irlanda do Norte, no ano 1972. E apuntaba que estamos esperando que alguén o faga polos asesinatos en marzo do mismo ano.

Por iso, se estivese en paro, reclamaría un posto de traballo digno, con salario razonable; a dignidade que merece todo ser humán. Sabendo quen son responsables fundamentais da crise. A solidaridade consiste en facer que aporten máis os que máis teñen. Non para unha esmola. Para facer xustiza.

Se fose inmigrante, amáis de reclamar a miña regularización, traballaría para conquerir a integración con tódolos traballadores, en termos de igualdade.

Se fose funcionario, rexeitaría o desconto do 5% do noso salario. Reclamaría que ese 5% se conquerise na persecución do fraude fiscal, do diñeiro negro.

Se fose xubilado, denunciaría a conxelación das pensións. E que o seu importe, se buscase nas fortunas dos “grandes” da banca, do sector financieiro e das sumas escandalosas que manipulan e reciben.

Se traballara na Banca, mobilizaríame para que as Caixas sigan sendo institucións financieiras públicas de carácter social, impedir o peche de sucursais e a liquidación de postos de traballo. Porque, cando se dí “despolitizar”, quérese decir privatizar.

Se laborase no sector naval, mobilizaríame para impedir a reducción salarial, esixiría que os das compañías se integrasen nas empresas principais. Reclamaría estabilidade no emprego.

Se o meu oficio fora da construcción, reclamaría condicións de traballo seguras e dignas, contra as xornadas infinitas, contra dos salarios miserentos.

Se a miña función fose de mestre, traballaría polos dereitos laborais conqueridos, seguridade no emprego, e a calidade do ensino. Porque a dereita soamente ve negocio cando se fala de dereitos sociais.

Se me dedicara a sanidade, amáis de defender os logros alcanzados, combatiría as políticas de privatización practicadas pola Xunta e a degradación dos servicios.

Se fose policía, entendería as reclamacións dos meus concidadáns e defendería as miñas reivindicacións.

Se eu fose un traballador, estaría preocupado non só polo meu, senón polo de calquer asalariado ou cidadán. Porque a súa debilidade é a miña. Porque a agresión a outros, aféctame a mín. Porque as medidas regresivas que tomou o Goberno veñen impostas polos poderes financieiros que nunca foron elixidos. E polo que se ve, esto é só o principio que leva a uns recortes xeneralizados do que se coñece como “Estado do Benestar”.

Porque hai quen dí que os poderes financeiros queren resarcirse da crise que eles mesmos provocaron, recuperando os fondos da economía social e pública, despois de debilitar ós poderes democráticos elixidos.

Se fose un traballador, esixiría a inversión pública para recuperar a economía, os impostos progresivos, a persecución do fraude fiscal, para reducir as desigualdades sociais, defendería a sanidade, o ensino, as pensións públicas, frente a pretensión de privatizalos.

Se o meu medio de vida fose o traballo, defendería ós sindicatos, porque son a última barreira que pode impedir a marcha atrás da historia, e que pretenden derrotar.

E ó fin e ó cabo, como me considero un traballador, acompañarei, traballarei codo a codo con tódolos traballadores para conquerir que o camiño hacia a folga xeneral do 29 de septiembre, sexa un éxito.

[*] Rafael Pillado Lista [San Cibrao - Cervo 1942], foi traballador, montador mecánico, da antiga BAZAN, na actualidade Xubilado. Foi un destacado loitador contra a dictadura. Activista Sindical e Político, unha das persoas condenadas polo TOP no chamado "Proceso dos 23" polos sucesos de Marzo de 1972. Foi Secretario Xeral do PCG e concelleiro en Ferrol polo PSOE. Consciente de que un número importante de traballadores da comarca estaban afectados polo amianto promoveu a asociación de vítimas do amianto. Na actualidade é Vicepresidente da Asociación Cultural "Fuco Buxán" e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
__________________________

terça-feira, 6 de julho de 2010

Ante a Folga Xeral

Por Susana Alaníz [*]
06.07.2010

Que estamos en crise non é a dúbida, que tres son os factores máis graves tamén: Enerxética, Financeira e Alimentaria, pero, estamos ante o fin do capitalismo?

Desde o sector inmobiliario, automotor, os paraísos fiscais, a mala distribución do gasto público, a intervención do Estado nos bancos privados, a reforma laboral, o axuste das pensións, as privatizacións, todos alicerces dunha economía e benestar social que neste momento golpea con dureza á clase traballadora.

A crise financeira trae como resultado a "crise social".

O mercado e o sector privado negan ao colectivo, compiten entre o capital e o traballo.

A esquerda non soubo dar unha resposta, hoxe di unha cousa, mañá outra, a falta de acordos levou a unha brutal crise política e social, pero coidado, tampouco a dereita ofrece nada mellor, utiliza este momento para desacreditar aínda máis ao Goberno socialista intentando adiantar as eleccións e desacreditar a súa xestión.

É por iso que hoxe, os cidadáns queren mobilizarse, facerse oír. É hora de de que alcen a súa voz, participen, definan sobre o seu futuro.

Exponse a folga xeral para o 29/9, ferramenta de loita dos traballadores.

É unha reivindicación a nivel europeo que temos que apoiar como forma de que os gobernos reformúlense rapidamente que os plans de recorte non son viables, nin a reforma de pensións nin a laboral.

Que atenta contra os dereitos dos traballadores e que debemos recuperar o Estado de Benestar.

Todos xuntos, pensionistas, traballadores, sindicatos, cidadáns, debemos estar na rúa o 29/9 e facer sentir que non queremos que negocien cos nosos dereitos.

[*] Susana Alaníz González, é responsable dá Área de Inmigración na Directiva dá A.C. Fuco Buxán
________________

Conferencia-debate, con Antoni Doménech e Camilo Nogueira, en Ferrol: "E necesaria a Folga Xeral ....?" - Xoves 8 de Xullo de 2010

Xoves, 8 de Xullo de 2010, ás 7 da Tarde no Centro Cultural Carvalho Calero, na Praza d'O Inferniño, en Ferrol, terá lugar unha Conferencia-debate con Antoni Doménech e Camilo Nogueira: " E necesaria a Folga Xeral ....?".

Organizada pola A.C. Fuco Buxán.


  • Antoni Domènech i Figueras  [Barcelona 1952], é escritor, filosofo, análista político e Catedrático da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Barcelona, e editor da Revista política internacional "Sin Permiso" [Na Wikipedia].

  • Camilo Nogueira Roman [Lavadores-Vigo 1936], é escritor, economista, enxeñeiro, analista político e foi Eurodiputado, máis sobre todo é unha das persoas claves na construción do nacionalismo de esquerdas na Galiza -sindical, político, social e cultural- [Na Wikipedia].

Engade-se enlace ao artigo publicado por Antoni Doménech e outros, en “SIN PERMISO” o pasado 18 de xuño: http://www.sinpermiso.info/articulos/ficheros/domenechbuster.pdf

_____________________

Web da A.C. Fuco Buxán:

http://www.fucobuxan.com
_________________________